Dende o mes de abril de 2016, a Asociación Terras de Lugo está a elaborar a estratexia de desenvolvemento local participativa (EDLP) para acadar a candidatura á xestión do programa LEADER 2014-2020 no seu ámbito de actuación.

A pesares das variacións sufridas neste período con respecto ao anterior en canto ao número de GDR en Galicia (de 31 a 24) e nos fondos asignados a esta medida no PDR de Galicia (de 150 a 82 millóns de euros), a Asociación Terras de Lugo tentará voltar a xestionar o programa nos mesmos concellos: Castroverde, O Corgo, Guntín, Friol, Outeiro de Rei, Rábade e Lugo na súa zona rural, e agarda acadar cando menos a mesma asignación de fondos (3,6 millóns de euros).

Cunha bagaxe de 6 anos participando no desenvolvemento activo do rural destes concellos, centránse os actuais esforzos en definir unha estratexia o máis participada posible. Para isto estase a traballar na análise socioeconómica do territorio, tanto a nivel interno da asociación, a través das mesas sectoriais, como a nivel externo, contactando con entidades representativas e influintes dende un punto de vista socioeconómico.

Tal é así que se mantiveron contactos con membros do departamento de Economía Aplicada da Escola Politécnica Superior da USC, Asociación de mulleres empresarias da provincia de Lugo (AELU), comunidades de monte veciñal en man común innovadoras (CMVMC de Carballo – Friol), asociacións adicadas a defensa e xestión medioambiental (Asociación Galega de Custodia do Territorio), técnicos da Reserva da Biosfera Terras do Miño, e agárdase nas vindeiras datas pechar xuntanzas con representantes dos concellos que conforman o ámbito de actuación do GDR-4. A maiores destas entrevistas persoais recibiuse información doutras moitas a través da comunicación por correo electrónico: entidades dos sectores agrogandeiro,  comercio e industria, medioambiental, cultural, veciñal e deportivo ou recreativo.

Todos estes participantes achegaron opinións que foron recollidas a través da metodoloxía DAFO (Debilidades, Ameazas, Fortalezas e Oportunidades) que serven para actualizar á análise feita no 2008, para posteriormente encauzalas a obxectivos que permitan executar actuacións que eles mesmos tamén propuxeron.

Deste xeito, a Asociación Terras de Lugo pretende ter rematada o xoves 23 de xuño esta fase de elaboración da estratexia, para seren aprobado o documento final na Asemblea Xeral Extraordinaria que terá lugar ese mesmo día.