Horario de atención ó público
10:00 – 14:00

982 871 087
626 014 105

Igrexa e Pazo de Vilabade

Situación

Concello de Castroverde, parroquia de Vilabade, lugar Frontoi

Como chegar (desde Lugo):

  1. Tomamos a estrada da Fonsagrada (LU-106) en dirección a Castroverde.
  2. Xusto ó pasar a vila de Castroverde (15 kms aprox.) veremos un desvío á esquerda, cara Vilabade.
  3. Tomamos o desvío anterior e seguimos uns 400 metros de frente. Chegamos ó destino.

A Igrexa

A popularmente coñecida como “Catedral de Castroverde”, debido á súa monumentalidade, atópase en pleno camiño primitivo, na zona de Vilabade, moi preto da capitalidade municipal. Fundada no ano 1557 polo noble cabaleiro Fernande de Castro, e logo reformada no século XVIII por Diego Osorio, trátase dun edificio en estilo oxival tardío, con influencias gótico-romanas.

A construcción principal é de planta rectangular, cunha nave dividida en tres tramos por arcos de oxiva, prebistería, sacritía e oratorio. O pórtico de entrada de estilo renacentista, consta de cinco arcos, escalinata central, frontón triangular con escudo de Osorio, acróteras nos extremos e cruz no vértice; tamén destacan as súas columnas con capiteis vexetais.

No interior, cabe destacar un retablo barroco, encargo de Osorio e Benito Montenegro, e realizado por Francisco Moure no século XVII, que cubre o testeiro e coróase coa imaxe de Santiago Matamoros.

O Pazo

No flanco sur da praza da igrexa, érguese o magnífico pazo de Abraira-Arana, de planta cadrada. Na súa fachada, podemos apreciar os escudos heráldicos de Montenegro, Páramo, Osorio e Ulla, con balconadas nos extremos.

O pazo está construido con muros de carga de cachotería revestidos, mentres que os esquinais,xambas e linteis dos vans son de codeirado. A cuberta é de lousa e sobre ela hai unha grande cheminea circular rematada por un pináculo central.

O seu interior reflexa tamén o seu bon estado de conservación, xa que unha boa parte das súas estancias e mailo seu mobiliario son orixinais.

Pazo de Adai

Situación

Concello de O Corgo, parroquia de Santiago de Adai, lugar Adai

Como chegar (desde Lugo):

  1. Tomamos a estrada nacional VI en dirección a Madrid
  2. Ós trece quilómetros, aproximadamente, tomamos un desvío á esquerda, dirección Adai – Romean (LU-1602)
  3. Seguimos esta estrada; ós dez quilómetros, chegamos a Adai.

Descripción

Este pazo, de planta rectangular de 28.50 x 18 metros, e flanqueado por dous torreóns, data do ano 1939, e foi mandado construir para se-la residencia particular do xeneral Tella.

Cabe destacar a nobreza dos materiais que se empregaron na súa construcción, con pedra maciza de canteira nos muros da fachada e nos torreóns, madeira de alta calidade nos interiores, teitos altos con molduras e frisos de espectacular beleza.

Ademais, o complexo do pazo conta cunha capela con retablo, fermosas chimeneas e un importante xardín traseiro de máis de sete mil metros cadrados, con piscina e varias especies de árbores autóctonos de moitos anos de antiguedade, que completan o magnífico conxunto.

Entorno

O pazo non é o único que paga a pena visitar neste fermoso núcleo de Adai. No seu entorno próximo atópase tamén o campo da feira, onde unha vez ó ano, polo mes de Xuño, se celebra a feira do cabalo, organizada pola Asociación de Cabaleiros de Adai, e que cada ano congrega a centos de persoas e que se convertiu nos últimos anos nun dos acontecementos lúdico-deportivos de máis importancia da provincia lucense, coa celebración de rodeos, carreiras de andadura ou sorteo de exemplares, entre outras cousas. Ademáis, esta celebración ten tamén unha vertente económica, coa transacción e intercambio de cabezas.

Xunto ó campo da feira, atópase tamén a Igrexa de Santiago de Adai (século XIX), un fermoso exemplo do románico galego.

Fortaleza de San Paio de Narla

Situación

Concello de Friol, parroquia de Xia, lugar Castronela

Como chegar (desde Lugo):

  1. Tomamos a estrada de Santiago (N-540) en dirección Santiago-Ourense.
  2. Ós tres quilómetros, tomamos un desvío á dereita, en dirección Friol (LU-232).
  3. Unha vez en Friol, tomamos a estrada LU-934.
  4. Por último, tomaremos un desvío á esquerda (LU-2108). Seguimos de frente e chegamos á fortaleza.

Historia

Construida ó redor do século XII, esta fortaleza pertenceu a varias familias da fidalguía da nobreza galegas. A primeira delas foi a de Vasco de Seixas, sendo tamén esta a que se encargaría da súa reconstrucción, despois de que fose asaltada polos irmandiños, durante os anos das famosas revoltas.

Máis tarde, a comezos do século XVIII, a fortaleza pasaría a mans da familia Campomames, quen a habitaría ata finais do século XIX, momento no que lla vende á familia Novo. No ano 1939, sería adquirida definitivamente pola Deputación Provincial de Lugo.

Permaneceu varias décadas sen uso ata que, en 1983, o arqueólogo Felipe Arias Vilas converteuna na sección de etnografía do Museo Provincial de Lugo (Museo etnográfico e histórico de San Paio de Narla).

Descripción

A edificación consta de 3 corpos principais: a torre da homenaxe (9 x 11), outro torreón de 6 x 7 e unha nave central dividida en tres partes:

  • Patio interior: de forma cuadrade e con dous arcos de medio punto en cada un dos lados. A esto hai que suma-la escaleira, feita toda en granito.
  • Departamento de servicios
  • Parte destinada ás cabalerizas

Fóra de edificio, onde remata a rampa de acceso, está a capela, que alberga no seu interior un fermoso retablo do século XIX, así como varias pezas de arte sacra. A torre da homenaxe, dividida en catro preantas, ofrece dende o seu cume unhas vistas excepcionais dos arredores.

Lenda

Conta a lenda que Dona Catalina de Santiso, esposa do señor da casa (Vasco de Seixas), era unha muller honrada e devota, querida e respetada polos seus súbditos, e amada con loucura polo seu home. Máis este non confiaba cegamente na súa bondade e, un mal día, non arrebato de loucura, asestoulle varias puñaladas no peito.

O marido fuxiu a refuxiarse a terras portuguesas, deixando o cadáver da súa defunta dona nas cercanías do castelo. Despois duns días, este foi atopado e déuselle sepultura na capela. Máis o pai da falecida esixiu ante a Real Audiencia da Coruña que se investigasen os feitos. Cando se abriu a tumba, os alí presentes puideron comprobar como o corpo estaba incorrupto; cando se lle retiraron os brazos do peito, comezou a brota-lo sangue, ó tempo que un forte olor a rosas enchía o edificio, no que se sentiu a música do órgano, que ningúen estaba a tocar.

O corpo foi trasladado ó Mosteiro de Sobrado dos Monxes. A capela na que o corpo foi enterrado, atópase onda a porta de entrada no castelo.

Mosteiro de Ferreira de Pallares

Situación

Concello de Guntín, parroquia de Ferreira de Pallares, lugar Ferreira.

Como chegar (desde Lugo):

  1. Tomamos a estrada de Santiago (N-540) en dirección Santiago – Ourense.
  2. Ós 18 kms, en Guntín, unha vez que pasamos a estación de servizo, tomamos un desvío á esquerda (LU-4902).
  3. Na primeira rotonda, torcemos a man esquerda
  4. Ós tres quilómetros atoparemos un desvío sinalizado á dereita. Colléndoo, chegamos ó Mosteiro.

Historia

Este mosteiro foi fundado no ano 909 polos condes Don Ero e Dona Elvira, no lugar que anteriormente ocupaba unha igrexa visigótica. Ámbolos dous pasaron os derradeiros anos da súa vida neste lugar, e qquí foron enterrados.

Ao longo dos séculos X, XI, XII e XIII, o mosteiro vai recibir numerosas e importantes doazóns por parte de reis e nobres; tamén leva a cabo varias compras e permutas. Todo esto fai que o mosteiro aumente o seu poder.

No século XV, a chegada dos Reis Católicos trouxo consigo a reforma dos mosteiros galegos. Este feito supuxo a anexión de Ferreira de Pallares ó mosteiro vaciño de Samos (ano 1517), operación que foi sancionada pola bula de Leon X. Tres séculos despois, no ano 1835, produciuse a exclaustración.

Na actualidade, Ferreira de Pallares é unha parroquia da diócese de Lugo

A mistura de elementos románicos con outros protogóticos fan desta igrexa-mosteiro unha das mellores do bispado de Lugo.

Descripción

O complexo do mosteiro podémolo dividir en catro partes fundamentais, sendo cada unha delas dunha etapa diferente:

  • En primeiro lugar, temos o que é a igrexa románica. Pertence ó estilo que poderiamos denominar románico-rural, malia que chaman a atención as súas grandes dimensións: nave rectangular, cuberta de madeira a dúas augas, de ábsida de tramos rectangular e cabaceira semicircular que se cobren respectivamente con bóveda de canón e cuarto de laranxa.
  • Capela-panteón dos Taboada
  • Claustro
  • Torre

A maiores, nos arredores do templo, hai que destacar un antigo sartego que, na actualidade, fai de pía dunha fonte.

Mazo de Santa Comba

Situación

Concello de Lugo, parroquia de Santa Comba, lugar Santa Comba

Como chegar (desde Lugo):

  1. Tomamos a estrada Nacional VI en dirección a Madrid.
  2. Ós sete quilómetros, chegamos a unha rotonda, na cal tomaremos a estrada de Santa Comba (LU-546).
  3. Ós dous quilómetros atopamos un desvío a man dereita. Desde este punto, restan tres quilómetros. Só temos que segui-las indicacións.

Descripción

Fermoso complexo etnográfico, formado por un muíño con dúas pedras, un mazo mecánico co seu batán, unha serra, unha “moa” ou petra de afiar e unha pequena pesqueira, onde se atrapaban as troitas e as anguias.

Recentemente recuperada pola Deputación de Lugo, constitúe toda unha obra de inxeñería que demostra que é posible combinar o aproveitamento dos recursos naturais (neste caso, as aougas do río Chamoso) co absoluto respecto ó medio ambiente.

Ubicado nun marco natural de incomparable beleza, á beira do camiño primitivo a Santiago, o conxunto conta tamén cunha zona de restaurante con vistas ó río Chamos, no cal se poden degustar pratos de toda a xeografía galega.

Malia que o mazo foi instalado nos primeiros anos do século XX, a edificación orixinaria é moito máis antiga, e non hai constancia das orixes do muiño.

O seu acceso é doado e recomendable en calquera época do ano. É gratuito e accesible en coche.

O Ferro

O mazo é o nome que comunmente recibe o lugar onde traballa o ferreiro, e no cal se atopa o mazo propiamente dito, un xigantesco martelo movido pola forza da auga e co cal se esculpe o ferro, unha vez quentado na forxa. O metal é quentado ata que se volve incandescente, para ser logo sometido ó proceso de forxado.

Algúns utensilios que fabrican os ferreiros son: cuitelos, navallas, fouces, pechaduras, campás, útiles de cociña ou de labranza e armas.

Un detalle curioso é que os ferreiros son dos poucos profesionais en todo o mundo que fabrican os propios utensilios cos que levan a cabo o seu traballo: forxas, bigornas, tenaces ou moldes.

O ferro, pola súa parte, atópase na natureza, formando parte de varios minerais (entre eles, moitos óxidos). Para obter ferro en estado elemental, os óxidos redúcense con carbono, e logo é sometido a un proceso de refinado, para elimina-las impurezas.

Penas de Rodas

Situación

Concello de Outeiro de Rei, parroquia de Gaioso, lugar Penas de Rodas.

Como chegar (desde Lugo):

  1. Tomamos a estrada da Coruña (Nacional VI) en dirección Coruña.
  2. Ó chegar a Rábade, pasando o hotel Coto Real, torcemos á esquerda (LU-6101).
  3. Seguimos de frente ata chegar ó empalme coa estrada Lu-3904. Tomamos este desvío.
  4. Seguimos as sinalizacións e chegamos a Penas de Rodas.

Descripción

Penas de Rodas é o nome co cal se coñece unha área recreativa ubicada na parroquia de Gaioso, en plena natureza, constituindo un lugar idóneo para o descanso e o lecer. Neste lugar abundan as formacións graníticas ó aire libre, dando lugar a elementos de gran beleza.

Mais, sen dúbida, o que máis chama a atención do visitante que se achega ata este lugar son dúas inmensas moles de granito, con forma de bola, que son o resutado do erecto dunha erosión diferencial sobre esta zona. A súa elevada ubicación (619 m) ofrécenos unhas vistas moi fermosas das paisaxes de terras de Lugo e a veciña Terra Chá.

Poema/Lenda

Estas dúas pedras, cunha forma redondeada case perfecta, foron obxecto ó longo dos anos de numerosas lendas, froito da imaxinación e a fantasía das xentes do lugar. A máis extendida delas conta que unha das penas está chea de alcatrán e, se se rompese, asolagaría toda a zona; a outra, sen embargo, contén ouro, e esta será para o primeiro que logre rompela. Como non foi imposible identificar cal era cal, salváronse as dúas.

Manuel María, o famoso poeta da Tera Chá, dedicou un poemiña a este lugar:

En Gaioso. ollando a Chá hai dúas penedas ergueitas i semellan non ser verdá redondeces tan ben feitas!

As penas de Rodas son dous ollos alucinados ¡Que espían con atención os eidos máis alonxados!

Si ambas penas se desfán arde, co mundo, un tesouro: ¡unha pena é de alquitrán, a outra trabe de ouro!

Non sodes, non, cantería ouh penas do encantamento. ¡Temo que calquera día vos poida levar o vento!

Ponte Medieval de Rábade

Situación

Concello de Rábade, parroquia San Vicenzo de Rábade, lugar Rábade

Como chegar (desde Lugo)

  1. Tomamos a estrada da Coruña (Nacional VI) dirección Coruña.
  2. Inmediatamente antes de entrar en Rábade, tomamos un desvío á dereita (dirección Vilalba)
  3. De novo, volvemos a desviarnos á dereita. Seguimos de frente echegamos á ponte

Historia

Rábade xa aparecía nos itinerarios do medievo: no camiño medieval que unía Vilalba con Rábade, e tamén no que unía Rábade con Parga (este último, relacionado coa vía romana que ía de Betanzos a Lugo).

A ponte medieval de Rábade, construida ó redor do século XIII, era o lugar no que no seu día se estableceu a portaxe ou pago de dereitos por paso.

Durante os séculos XII e XIII, o territrio galego dividiuse en numerosos coutos baixo a xurisdicción señorial, entre eles os de Carral, Saavedra, Taboi, Astariz, Cela ou Aguiar, todos eles moi próximos a Rábade.

Entre os séculos XIV e XV, vaias liñaxes familiares señorean na zona de Rábade, establecendo as súas casas solainas. Son as de Rábade, Aguiar, Gaioso, Montenegro, Parga, Saavedra, Baamonde e Ribadeneira.

Un cronista da época recolle como no século XV, nos anos posteriores ás revoltas irmandiñas e á execución do Mariscal Pardo de Cela, produciuse unha fazaña militar chamada “Ponte Ravade” en Rábade (vinculada ó asedio da próxima fortaleza de Caldaloba), reinando xa os reis católicas.

Descripción

A ponte medieval sobre o río Miño une os concellos de Rábade e Outeiro de Rei. Atópase moi preto da ponte nova e da ponte sobre o ferrocarril. Mide 200 metros de longo por 20 de ancho e 4 de alto. Está fabricada en cachotería e aséntase sobre pilares de granito; é dicir, que tanto os tamallares como os arcos son de granito, mentres que os espazos intermedios son de cachotería

Na actualidade, esta ponte está aberta ó tráfico rodado. Ó seu carón, atópase a área recreativa da localidade (cun fermoso mirador sobre o río Miño), así como o Centro de Interpretación das Ínsuas do Miño. Ó carón deste complexo, pasa tamén unha das máis longas e fermosas rutas de terras de Lugo, coñecida co nome de “camiño do Miño”.

Almanaque de eventos

faitesocio

leader

ruta_das_feiras

Contáctenos

O teu nome (obrigatorio)

O teu email (obrigatorio)

Asunto

A túa mensaxe