Horario de atención ó público 10:00 – 14:00

982 871 087 626 014 105

Ruta das Feiras

O proxecto denominado “Ruta das Feiras”, ten como finalidade realizar un roteiro de longo percorrido que discorra polos 7 concellos que conforman o noso territorio (Castroverde, O Corgo, Guntín, Friol, a zona rural de Lugo, Outeiro de Rei e Rábade) tomando como referencia ou eixo vertebrador, a posta en valor das feiras tradicionais que neles se desenvolveron e desenvolven. É dicir, un roteiro que une os distintos campos das feiras. ruta_das_feiras

Info Xeral

O principal obxectivo polo que traballa a Asociación Terras de Lugo é a valorización do seu territorio de actuación, incidindo na mellora da calidade de vida da poboación local a través do fomento da cohesión social e da posta en valor do patrimonio natural e cultural. Con este obxectivo, nace o proxecto ” Ruta das Feiras “, é dicir, unha macro-ruta de sendeirismo que una os sete concellos. Os puntos de enlace desta vía serían os espazos onde se situaban ( ou sitúan ) os campos das feiras tradicionais, aquelas que se levaron a cabo nun tempo pasado, desaparecidas fisicamente, máis non na memoria colectiva das persoas do lugar, e as que seguen a celebrar na actualidade. O proxecto da conta de que o caso estudado tivo unha gran relevancia xa non só na economía familiar da maioría das familias labregas, senón tamén nas interrelacións sociais das paisanas e paisanos que acudían á feira, normalmente unha vez ó mes para comprar ou vender, relear cos cartos e, xa de paso, contar uns contos e saber da vida das xentes da contorna, mentras as polbeiras preparaban o manxar divino.
A primeira acepción da palabra que atopamos no Diccionario da Real Academia Galega é a de “mercado público, xeralmente ó aire libre, onde se compran e venden mercancías, en particular productos da terra e artesáns, e que se celebra en días fixos”. Porén, outras definicións encontradas non difiren substancialmente como podemos observar á que se refire o autor Eladio Rodríguez “sitio o paraje público a donde concurren las gentes en días señalados de antemano para vender o comprar”, ou nas publicacións enciclopédicas Diccionario Enciclopédico Universal (VVAA, 2003: Tomo 27, 41) que describe o vocábulo como “un mercado público, polo xeral ao aire libre, cun lugar e data determinados no que se compran e venden mercadorías”, á que engade a Enciclopedia Galega Universal (VVAA, 2002: Tomo 9, 59) desde unha perspectiva histórica: “reunión periódica de comerciantes e mercadores protexidos polo poder público para comprar, vender e intercambiar produtos agrícolas e manufacturados. As súas orixes estiveron na necesidade das xentes de vender os seus excedentes para obter capital e adquirir con el aqueles produtos que non producían e que, en ocasións, procedían doutras rexións ou países. Caracterizábase pola variedade de transaccións que nela se producían, o volume de concorrencia e a duración que tiña [..]”. A Gran Enciclopedia Gallega (VVAA, 1974: Tomo 11, 230-231) introdúcenos no tema mostrando a diferenza existente entre os termos “mercado” e “feira”: “aunque las diferencias de concepto entre feira y mercado están confusas, en el momento actual hay una tendencia muy generalizada a sustituir la palabra feira por la de mercado […]. Tienen como característica común que se celebran en lugares y días señalados, que son públicos y que a ambos acuden gentes de sitios próximos o lejanos, con productos de toda índole, que comerciantes, intermediarios o expositores, comercian, compran, venden o intercambian con mayor facilidad, pero que, referidos de forma general a las feiras gallegas, proceden o se destinan al medio rural. Las diferencias entre feira y mercado radican, fundamentalmente, en que la feira se celebra con intervalos de tiempo mayores, un o dos veces al mes, a veces anualmente o una en primavera y otra en otoño, coincidiendo siempre las fechas alejadas entre sí […], concurren gentes, mercaderías o ganados de la zona o de tierras más alejadas; participan siempre varios tipos de productos a comerciar, y en cuanto a ganado, en las feiras gallegas, siempre concurren especies mayores, bóvidos o équidos. Las feiras tienen mayor importancia y solemnidad que los mercados. En el mercado, las fechas de celebración son semanales, a veces quincenales; la concurrencia procede de zonas más próximas, suelen tener instalaciones permanentes, sobre todo para los productos de consumo humano y casi siempre se indica el objeto más comerciado: principalmente mercado de ganado, mercado de cereales, mercado de abastos, mercado de frutas, etc; el término feira, en cambio, es más genérico.” As dúas palabras moitas veces empréganse indistintamente e presentan unha realidade moi semellante. Se seguimos a estudosa Rosario Miralbés, pode variar a percepción dunha a outra no aspecto da periodicidade, semanal no caso dos mercados e mensual, até anual, nas feiras (Rosario Miralbés 1982: 2-3). Na actualidade, nos mercados non situados nas prazas de abastos das vilas, ou dos centros comarcais de gran relevancia, conflúen vendedoras, principalmente, e vendedores da zona en cuestión, que fan desprazamentos de curta distancia para vender os produtos da horta que sobran e que non se consomen na casa; non se concibe un mercado actual con gando (agás animais domésticos como coellos, galiñas, cans e parrulos), único cando xa é denominado así, mercado gandeiro (referencia ás instalacións e ao propio comercio do gando). Segundo o Gran Dicionario Xerais da Lingua (VVAA, 2009: 1074) a palabra feira procede do latín FEIRAM ‘día de festa’ e significa “reunión periódica de xentes e comerciantes nun lugar público coa finalidade de mercar, vender ou intercambiar produtos”. Alén desta actividade comercial, na feira tamén conflúen outros aspectos relacionados co ocio e tempo de lecer das persoas e “non resulta estraño asociar feira e festa, […] porque tanto a festa facilita un espazo e un tempo propicios para os intercambios comerciais, como a feira acostuma deixar ocasión para realizar actos festivos. En moitas ocasións, a asociación feira-festa acabou sendo unha totalidade indisoluble” (Ana Suárez 2006: 167-168). Vemos como o termo feira se vén remitindo ao significado primixenio do seu étimo latino na súa función máis festiva e social: na feira non só se compra e se vende, fálase, rexoubéase, mocéase e até hai espectáculos e acompañamentos musicais. De vello e por costume todo está estipulado: desde o día de celebración ata os espazos de venda dos diferentes produtos, os rituais que cómpre seguir na negociación dos prezos e a función do home e da muller, incluída a aparencia particular dos tratantes de gando (na maioría dos casos, gorra ou pucha, bata ou camisa azul e caxato, este imprescindíbel) . No noso terreo de estudo, e segundo se recolle na historia local por Cristina Núñez, só había un mercado todos os xoves na vila de Rábade, á parte das feiras dos días 2 e 22, actualmente desaparecido (Cristina Núñez 2003: 197) . As abondosas descricións das feiras demostra a súa importancia para o pobo galego. Isto reflíctese na lingua. Por unha banda, no sistema de denominación tradicional que tiña o galego-portugués para os días da semana fronte ao da nomenclatura en que cada día era dedicado a un astro ou a un deus romano: segunda feira, terza e así até sexta. E, deixándonos de banalidades pois non todos os días eran de festa senón de duro traballo, un día de feira era esperado como un día de auga en maio e, deste xeito, na nosa fraseoloxía damos conta de refráns e expresións como: revolver a feira (promover desorde e confusión nunha reunión), vai cos da feira e volve cos do mercado (muda de opinión facilmente), cada un di na feira como lle vai nela (moitas versións dunha mesma realidade), non fixo mala feira (saíu con éxito dunha situación embarazosa) ou, ao írmonos de feira pola nosa zona, feira en Nadela, en Lugo nin unha cadela, dicíase polos coitados dos comerciantes da cidade (Francisco Vázquez 2003: 865) . As feiras das Terras de Lugo, as desaparecidas, as que seguen vivas e en pleno auxe, correspóndense ao pé da letra con estas definicións que pouco varían nos dicionarios e nas enciclopedias consultadas, no entanto. Relacionamos agora unha serie de características comúns  a calquera feira galega mais que son unhas constantes na nosa área de investigación: 1. Unha data estipulada , normalmente unha vez ao mes (por exemplo, Adai, Lousada, Friol actualmente) ou dúas se se terza (Rábade, Castroverde en alternancia con Meira, ou Nadela, en onde se organizan dúas ao ano no Entroido e polo San Pedro). Hai outras que xa son coñecidas polo propio día, algo moi común nas feiras galegas, no noso caso atopamos a feira do 15, denominación tradicional da que houbo en San Román da Retorta (Guntín). Normalmente non cadran os días das feiras nos lugares da contorna e, antigamente, os arrieiros  e as e os comerciantes “enganchaban” unha con outra, así no noso territorio e por cercanía íase á feira do 2 en Rábade, a do 3 en Gaioso (Outeiro de Rei) e a do 4 en Friol,  a grande, pois había  a pequena do 21. 2. Un lugar determinado chamado campo da feira onde se desenvolve a actividade comercial e social que conleva este tipo de eventos. Adoita ser un espazo ao aire libre e no noso territorio, baixo carballeiras frondosas cuxas árbores de sombras centenarias  servían antano para colocar o gando que ía ser vendido. As excepcións encontrámolas en recintos feitos a xeito de “praza” rehabilitadas  en Adai e Gomeán (ambas as dúas no Corgo), ou non en Roimil (Friol), no adro dunha igrexa en Vilabade (Castroverde), preto dun punto de referencia histórica como pode ser unha fortaleza/castelo en Riazón (Lugo) ou un convento en Santo Amaro (Lugo) ou en prazas/centros neurálxicos das vilas como acontece en Rábade e Friol. Nesta última poboación, o mercado gandeiro acubilla tanto gando maior como menor o primeiro domingo de cada mes, ao igual que as pezas de porcino que se mostran cada quince días no recinto feiral, tamén exclusivo para animais, de Castroverde. Algúns deses campos da feira son topónimos , a memoria histórica da relevancia que tiveron as feiras na súa época: en Gaioso (Outeiro de Rei) e en tres das parroquias do concello de Friol:  Roimil, Cotá e Guimarei. 3. A distribución espacial dos postos de venda sempre era o mesmo, ben por costume que viña de vello, ben porque así se estipula desde a entidade local, actualmente máxima responsábel de calquera actividade que se desenvolva nun sitio público. Non é fácil facer unha compilación de todos os produtos que se poden adquirir nunha feira e, a medida que foron evolucionando co paso do tempo, esa listaxe segue a ser complicada pola diversidade e o amplo abano de posibilidades que vai  en aumento. Non había feira sen animais e o lugar que ocupaba cada especie definía o seu espazo: a feira das mulas, a das ovellas, a das vacas… De igual modo, os produtos da horta situábanse na denominada feira das mulleres . Por outra banda, os feirantes coa roupa, produto máis abondoso, adóitanse pór sempre no mesmo sitio xunto con aqueles que venden toallas, calzado, apeiros de labranza, cestos, follalata, coitelos, antigüidades, olaría, xoguetes, churros… Englobamos dentro do termo feirante, e o seu feminino feiranta, aquelas persoas que van vender a unha feira: “as persoas que se dedicaban á compra ou á venda recibían o nome de tratantes ou tranquillóns, sobre todo cando negociaban con bovinos; porqueiros, con cochos; cabreiros, con cabras; ovelleiros, con ovellas; e poleiros ou galiñeiros, con aves de curral” (Gran Enciclopedia Galega: 2003, Tomo 13, 223). 4. Unha construción arquitectónica típica dalgunhas feiras son os alpendres . Constan dun mostrador de pedra cuberto a unha ou dúas augas para resgardar da chuvia as e os vendedores e as súas mercadorías.  En Castroverde, e segundo a información que nos facilita Xosé María Gómez, podemos aprezar un bo exemplo deste particular recinto, acabados de rehabilitar no ano 2006 (Xosé María Gómez 2007: 8), maxestosos no campo da feira máis entrañábel de todo o noso territorio. Existen outro tipo de alpendres ou cobertizos, principalmente na zona de Guntín, completamente cubertos, cunha entrada e con asentos laterais no seu interior, onde se servían comidas. Estes casetos normalmente pertencían á veciñanza e alugábanos á xente de fóra que viña o día da feira facer o xantar. Á parte das polbeiras e das tabernas que acostuman arrodear o campo da feira, este tipo de estabelecemento diversifica a oferta e dá as comidas (carne de costela, filetes, sardiñas e entre outros). Así, nos campos da feira de Lousadela, Grolos, Lousada e Guimarei (Friol) existen hoxe en día algúns derrubados e outros comestos polas silvas . 5. Outros elementos característicos: a báscula de pesar os animais, gardadas en pequenas construcións de pedra, aínda ben conservadas en Grolos e Lousadela (Guntín) ou a de Poutomillos no concello de Lugo. E, por último, é preciso mencionar os rituais que nos levan aos principios dos tempos, onde nos perdemos ao descoñecer a orixe, e que se consideran básicos para entendérmonos a parte máis informal dunha feira: o regateo e o posterior trato , e o prato tradicional por antonomasia, chamado polbo á galega alén das nosas fronteiras, e polbo á feira na Galiza (por que será?). Na actualidade indistintamente podemos ollar tanto homes como mulleres preparando o manxar en calquera das feiras existentes nas Terras de Lugo. A escasa existencia de peixe fresco, por mor da deficiencia de redes de comunicación e a lentitude do transporte, fixo que, após procesos de secado e de salazón, fose o peixe seco o único produto do mar que se podía comprar/degustar nunha feira. Así pois, segundo Hortensio Sobrado, as sardiñas, o bacallau e o polbo  seco chegaban ás aldeas para facer as delicias dos tratantes, vendedores ou dos que simplemente ían folgar no día de feira (Hortensio Sobrado 2001: 480). A fío disto, existen hipóteses de que o costume de tomar o polbo nas feiras, ou polo menos a receita tradicional que chegou até nós, vén do pobo maragato, xente vendedora de seu. Sexa cal for a súa procedencia, normalmente, e seguindo o mito popular de que o polbo sabe mellor en mans de terra dentro, as polbeiras que traballan a zona son todas dos arredores e da provincia de Lugo. Tomar o polbo é un costume moi enraizado posto que en Lousada (Guntín), Nadela (Lugo) e Gomeán (O Corgo) niso consiste hoxe por hoxe ir á feira: único vestixio que nos lembra que alí, noutrora, tamén había tratantes de gando e mulleres vendendo os ovos das súas galiñas.  Non é raro, incluso, ver xente que leva as tarteiras para comelo na casa.

Historicamente e nas zonas afastadas do mar, na provincia de Lugo a maioría da poboación vive do campo, da gandaría e da agricultura: a subsistencia, nas necesidades vitais, é no que consiste o principal labor cotián dos labregas e labregos. Na procura de ingresos complementarios para a economía da casa comézase a traballar de xeito artesán coa materia prima que dá a terra (liño, madeira, pel, ferro, barro etc). A máis importante deste tipo de actividade relaciónase co básico que lle é necesario ao ser humano, a vestimenta e o que precise para o traballo. Entón, e como nos di Hortensio Sobrado, por unha banda, temos todo o referente co téxtil e co coiro (tecedeiras, curtidores e alfaiates), e por outra, aquela que se dedica á elaboración de aparellos domésticos, calzado e apeiros de labranza (oleiros, ferreiros, zoqueiros etc) (Hortensio Sobrado 2001: 224). Neste tipo de coordenadas socioeconómicas xurdiu o intercambio do sobrante no autoconsumo. A orixe e as hipotéticas causas de que proliferasen as feiras por toda a xeografía galega radica na necesidade de comercializar estes excedentes e na subministración doutros beneficios que axudasen aos precarios bens e pertenzas familiares. O feito de que a poboación das aldeas sexa moi dispersa, principalmente nas zonas da área luguesa e, sumado a isto, as deficientes comunicacións, non posibilitaban grandes desprazamentos (co gando levado a pé ou no transporte de certos produtos), fai posíbel as concentracións para a compra/venda dos produtos agrarios en diferentes aldeas e parroquias. Por outro lado, e como comenta o antropólogo Lisón  Tolosana, á xente das aldeas cómprelle facer sociedade nun evento destas características unha vez á semana ou cada quince días: ir á feira é vital para a economía da casa e para estar no mundo (Carmelo Lisón 1990: 53). Neste contexto, a produción artesanal destínase en parte á venda nas feiras para darlle saída aos cacharros de olaría, de importante tradición na nosa zona nas terras de Outeiro de Rei (a parroquia de Gaioso relevante no século XVIII e XIX e Bonxe hoxe en día); ao traballado polos ferreiros, moitos deles do interior de Lugo, nas súas forxas (arados, gadañas, pezas para carros, fouciños, tixolas e potes, ferraduras paras os cabalos, entre outros moitos utensilios). Polo tanto e xa que logo, ir vender á feira constitúe un recurso adicional ao principal sustento da economía galega tradicional: a facenda e a terra. Hai noticias da celebración de feiras en Monterroso, Navia e nas terras de Burón, hoxe coñecidas pola Fonsagrada, no decorrer do século XVI. Na zona da nosa investigación temos constancia polo historiador  Hortensio Sobrado Correa, grazas a uns expedientes de Facenda do ano 1590, dunha feria de carácter anual en Santa María de Vilabade, desaparecida na memoria dos tempos no concello de Castroverde, que se desenvolvía no adro da igrexa e na que se vendía “pescadería, madeira, manteca, viño e mercería” (Hortensio Sobrado 2001: 299; Xosé Manuel Vilabella 2007:58) . Segundo Pegerto Saavedra, durante o período XVIII-XIX  as feiras adquiren maior auxe e proliferan por toda a xeografía galega co que se advirte que, co paso do tempo, as necesidades das labregas e labregos mudaban, xa que se se precisaban cada vez máis mercados era porque se atenuaban as eivas nas pequenas explotacións e se ramificaban as posibilidades de recursos dentro da economía familiar (Pegerto Saavedra 1994: 284, 286). Malia todo, as ganancias da comercialización do gando, de produtos artesanais ou os da horta supuñan moitos pagamentos de rendas e tributos fiscais. Contemporaneamente no decorrer do XVIII documéntase este fenómeno de expansión de feiras en comunidades cunha situación socioeconómica moi semellante á nosa: Asturias, Cantabria, Euskadi, a Bretaña e zonas de París ou Toulouse. Nunha memoria de finais do XVIII realizada por un deputado en cortes, rexistraba na Galiza 43 mercados, 264 feiras mensuais e 88 anuais, das cales só na provincia de Lugo a súa distibución era a seguinte: 8 mercados, 46 feiras mensuais e 7 feiras anuais. Moitas delas desenvolvíanse en aldeas pequenas e isto vén xustificar a dificultade que había á hora de mover o gando duns lugares a outros e de transportar outras mercadorías, e máis, este era o pretexto ao que aludían cando se pedían permisos para a creación de novas feiras. Algunhas feiras naceron ao abeiro dunha celebración relixiosa: Santo Amaro en Lugo, unha vez ao ano pola festividade do santo , o 22 de xaneiro en Rábade coincide co  patrón, San Vicenzo, ou a de Laiosa (O Corgo) da que se sabe que “con motivo de una cofradía concurre alguna gente del país, en donde se vende sal, pieles y otras menundencias, a cuyo concurso llaman feirón” (Pegerto Saavedra 1994: 292) A respecto disto, as feiras, ao constituíren procesos de socialización que acabaron por se vencellar ao profano, comezaron  a ser criticadas pola igrexa por mor dos malos costumes e aspectos perniciosos que este tipo de xuntanzas lúdicas, segundo o clero, conlevaba. Á parte das xerarquías eclesiásticas, desde o poder da corte de Castela tamén se teñen formulado opinións conrtarias a estas reunións mercantís mais, vendo os beneficios adquiridos e o costume enraizado, non houbo pronunciamentos serios ao longo do século XVIII en contra das súas realizacións (Pegerto Saavedra 1993: 158-162; 1994: 281, 282, 284-286, 292). Salientamos a figura do arrieiro ao longo do século XVIII en terras luguesas: grazas ao transporte de mercadorías levado a cabo por eles nos mercados podíase atopar calquera produto da terra ou de fóra, da franxa cantábrica e, sobre todo, de Castela. Abondaban, segundo os datos ofrecidos polo profesor Sobrado, os que carretaban lenzos, teas, sal, viño e todo tipo de grans (Hortensio Sobrado 2001:238), até os que trataban pezas de gando tales como bois ou bestas, estas últimas de gran tradición polas terras do Corgo e Castroverde, segundo recollen Artiaga e Fernández, (Aurora Artiaga e Ángel Fernández, 1998:322). Ás veces son revendedores ou van polas casas comprando o xénero. A xeógrafa Rosario Miralbés apunta que as feiras no XIX non sufriron grandes transformacións debido ás semellanzas co período anterior: a economía baseábase no mesmo e as redes viarias seguían mantendo illadas as parroquias rurais. Pode que algunha feira pequena desaparecese ou se vise trasladada en beneficio da freguesía á que pertencía e, noutros casos, aparecen novas en zonas nas que antes non había ningún tipo de mercado. Seguindo a mencionada autora, o principio do século XX trouxo consigo a fin do foro e supuxo que a propiedade da terra fose para quen a traballaba; isto conlevou unha serie de cambios na agricultura galega: comezan a prosperar as explotacións, cobrando cada vez máis importancia o gando vacún  e o porcino, e o sistema de cultivos dá moitos máis rendementos. A partir da década dos 50 a paulatina modernización do agro na tecnoloxía e na especialización vai parella á chegada de infraestruturas nas redes de comunicación e do transporte (Rosario Miralbés 1982: 21, 29, 35). Co desenvolvemento dos anos continúan en auxe moitas feiras e, de xeito aproximado , polos anos 60 e 70 desapareceron na área do noso estudo a maioría das que existiron nesa época . As causas son variadas e as paisanas e paisanos que sufriron estes cambios, comentados en propias carnes, comentan que o mercado que funciona hoxe en día son as tendas fixas, ou as ambulantes que van polas casas, e aínda máis, o feito de ter coche e estradas que te comuniquen facilita desprazamentos que noutros tempos eran impensábeis. Outro problema consiste no de levar a vender o gando. Antigamente levábase andando ou carretando nel nun carro pero, na actualidade, unha serie de prerrogativas, e as indemnizacións oportunas, botan para atrás que se leve ás feiras: remolques axeitados e desparasitados, gando saneado, o control veterinario pertinente, entre outros aspectos. Cómpre salientarmos, ademais, a concentración masiva do gando vacún en mercados gandeiros como o de Santiago de Compostela ou, na provincia de Lugo, o do concello de Castro de Rei. Moitas delas lograron sobrevivir á era consumista dos hipermercados e grandes áreas comerciais. A presenza de produtos, tradicionalmente vendíbeis, segue apreciándose pero os artigos de roupa e calzado ocupan masivamente os campos das feiras a día de hoxe.

Ao falar das feiras galegas non se debe  de esquecer o que en moitos dos lugares de Galicia representou o conxunto arquitectónico do campo da feira: un  espazo público de grande  importancia na vida  social  e  económica  da  comunidade  rural. Como  explica Pedro de Llano na obra Arquitectura popular en Galicia: “Unha das características básicas da arquitectura popular galega foi a gran capacidade para dar resposta a todos aqueles problemas que afectaban ao campesiño, tanto na vida privada como  na comunitaria; neste sentido as construcións que conforman os espazos arquitectónicos das feiras son unha clara mostra. Estas construcións, feitas co obxectivo de resgardar das condicións climatolóxicas adversas aos que acudían  á feira para expoñer e negociar as súas mercadorías non contan cun importante valor plástico se son  analizadas individualmente, pero  formando  parte  dun  conxunto  dan lugar a uns espazos de indubidable carácter e con unha calidade arquitectónica moi apreciable.” O  campo  da  feira  era  polo  xeral un  espazo  arborado,  carballeiras ou  soutos.  Nel erguéronse espazos con construcións básicas, cubertos ou casetas, coa función de dar acubillo a xente e mercadorías. Os materiais das construcións eran os mesmos que no resto da arquitectura popular galega, granito e xisto e madeira de  castaño e carballo. Manuel Caamaño Suarez no seu libro As construcións da arquitectura popular Patrimonio etnográfico de Galicia distingue distintos tipos de recintos: “Os recintos de feira permanentes, xurdiron de  forma espontánea e  sen organización aparente. As edificacións a modo de alpendre que os conforman,  fóronse  agregando   unhas  a  outras  tendo   bo   coidado   ó distribuílas no terreo de que quedaran espazos de circulación ou entrerrúas para que os feirantes puideran camiñar por entre elas e observar, escoller e mercar  todo  o  que  se  expón  nos  mostradores  para  vender.  Delimitan, dentro do campo da feira, un espacio maior ou menor. En  xeral son  construcións rústicas anque hai    exemplares con  coidados acabados. A planta é rectangular, de lonxitude que pode  ir dos 8 aos 20 metros, e cunha anchura entre 2 e 4 metros. A construción é moi sinxela; faise con  muros de  cachotería na parede  do  fondo  e  nos  laterais que pechan o espacio, cun grosor de 50-70  centímetros,  indo aberta a fronte só  interrompida  por   esteos,  nuns  casos  de  cachotería  e  noutros  en coidadas pezas enteirizas de granito. A cuberta con unha ou dúas vertentes, vai tellada con tella ou lousado, sobre unha elemental estrutura de madeira que se apoia no muro do fondo e nos esteos. No seu interior leva un banco ou expositor corrido, feito con muretes de 50 centímetros de alto coroados cunha lousa de granito ou xisto para exposición da mercadoría dos zoqueiros, ferreiros, latoeiros, panadeiros…., que  fai de  separación do  espacio  exterior por  onde  circula a xente; na parte oposta hai un estante arrimado ao muro, da mesma configuración que a do mostrador. Os recintos de feira non permanentes.  Estes recintos, dada a súa utilidade e versatilidade son os máis estendidos. Consisten nunha estrutura desmontable, composta  de esteos de madeira cravados no chan, sobre os que se colocan como cubrición unhas lonas, tensadas cuns tirantes que fan de  ventos, espetados ou  fixados ao  terreo.  O  conxunto completase por unha mesa plataforma formada por dous cabaletes e unhas táboas, onde se pon a mercadoría que, neste caso, é do máis variada. Outras modalidades mixtas dánse  cando  hai  parte  da  estrutura que  é permanente que se completa cunha armazón estrutural de sustentación de madeira, consistente nos casos máis sinxelos nuns postes verticais cravados no chan e rematados en galla sobre   os que se apoia outro  que fai de cumio. Enriba desta estrutura vai o lenzo que cobre todo o espacio.”
Acerca das corredoiras e carreiros non é moito o que hai documentado e escrito pero si atopamos, unha vez máis no libro  Arquitectura popular en Galicia de Pedro de Llanos, unha boa explicación: “A  definición  dun  camiño  ven  dada  polo   uso  repetido  dun  máis fácil recorrido que une un lugar con outro. É, sen dúbida o primeiro resultado da acción dos seres vivos sobre a superficie terrestres. Estes recorridos, primeiros trazados polas bestas e máis tarde polo home, supuxeron a aparición sobre as zonas habitadas do  noso planeta de toda unha serie de redes de comunicación, loxicamente definidas polo modo de asentamento dominante.” Con respecto á tipoloxías de vías tamén fai uns apuntamentos ben acertados: “As  distintas tipoloxías dos  camiños galegos  responden,  a  uns criterios xerais aplicábeis a moitas das nosas comarcas, en ocasións, modificados coa aparición dun bon número de carreteras ou pistas, ás veces construídas sobre o seu propio  trazado, e definidos pola presencia na organización do noso  hábitat de  tres tipos  básicos de  entidades de  poboación:  a vila, a parroquia e máis o lugar.” Máis concretamente, sobre as corredoiras, que funcionaban como antigos nexos entre as feiras das comarcas, comenta o seguinte: As corredoiras ou camiños de  carro, base desa rede  de  vieiros veciñais, estendese entre ribazos ao longo  de toda a xeografía parroquial, aproveitando en moitas ocasións o trazado e infraestrutura dalgunhas vellas vías,  tales como  as calzadas romanas, ou calquera dos camiños reais existentes en toda Galicia, para converterse ao seu paso por unha ou outra aldea en pequenas rúas ás veces cubertas por fermosos teitos de folla de parra, que ao cruzarse dan lugar a amplos eirados utilizados como punto de reunión dos veciños. O seu trazado, de limitada pendente e amplas curvas que posibiliten unha fácil utilización, aparece, pechado por valados de pedra ou comareiros de terra ataludado, e  cubertos por herba, silveiras ou loureiros que , ao tempo que  separan  o  camiño  das  fincas, serven  como   pasto  ao  gando.  En ocasións contan cunha serie de obras que melloran o seu servicio e que os protexen dos  deterioros  causados polas continuas chuvias invernais, tales como: as realizadas nalgúns tramos costaneiros, onde un conxunto de laxes de pedra evita o corrimento das terras por efecto da escorrentía;  nalgunha zona baixa, coa construción dun pequeno canal lateral que evite o encharcamento do  vial; nalgún punto máis fondo  no que un pasal, estreita acera lateral construída con bloques de pedra de boas dimensións, permita o seu uso peatonal durante as longas tempadas, en que a auga e máis a lama cobren  toda  a  superficie. Obras  que  ás veces  se  concentran  no interior dalgún rueiro dando lugar a espacios de coidado acabado, que sustituen  aos  máis  habituais  tipos   de   corredoira,   cobertas   por   terra enlamada ou estrume.”
A lingua é un medio (re)produtor da vida social e a través dela artéllanse as relacións entre as persoas e as súas expresións culturais nos espazos humanizados, as feiras no noso caso, entendidas como lugares de comercialización e de sociabilidade entre a veciñanza do lugar ou mesmo da parroquia. Na interacción que conleva a toma de contacto entre o comprador/a e o vendedor/a cobra importancia a negociación que se faga cos cartos: os obxectivos das e dos comerciantes  poden entrar en contradición cos desexos das e dos consumidores que queren  boa calidade  a un custo reducido. Velaquí  entra en escea a táctica do regateo ou releo. O regateo consiste nunha situación comunicativa na que se dá a compra/venda dunha mercadoría (gando, produtos da horta…) e, mediante a técnica ritualizada entre as e os participantes do tira e puxa, acábase pagando o prezo que se considera xusto e/ou merecido. É un método ancestral de venda sen o cal non se conciben as transaccións económicas nunha feira tradicional galega e é o contrario do que acontece  en mercados doutra índole (supermercados, grandes almacéns ou centros comerciais), onde o releo non se adoita facer porque está representado de forma indirecta con rebaixas, promocións ou ofertas especiais. No proceso de interactuación na procura dun prezo consensuado que contente as dúas partes, atopamos, seguindo a G. Prego, unha serie de intervencións comúns a este tipo de estrutura discursiva (Gabriela Prego, 1998: 7-30): 1ª. Fórmula de apertura: a toma de contacto e o momento da pregunta/resposta a cerca do prezo do produto (“a como é”, “a canto vai”, “que me quere por”), sexa cal for este, e a fase de presentación  das  e dos participantes (a ou o que compra e a ou o que vende). 2ª. Comezo da negociación entre as partes: tira e afrouxa ou tira e puxa. Por quendas e a través das estratexias persoais, nas réplicas e contrarréplicas, vaise negociando a cantidade inicial disposta pola persoa que vende. Ao haber unha deslexitimación do prezo, pola banda da ou do comprador, aparecen unha serie de elementos característicos do xénero: acenos (linguaxe non verbal), ironía e sarcasmos, desacordos, advertencias, contraofertas, persuasións (exaltación do produto incluída) etc. 3ª. Desenlace após unha dura dialéctica: o regateo puido, ou non, levar a boa fin. Unha vez remata a “relación comercial” pásase a unha conversa cordial: fálase do tempo (importante nos labores agrícolas), das tarefas do campo, da procedencia ou da familia… Cando falamos de compra e venda de gando mencionamos outra das relacións rituais existentes: o trato ou “acordo a que se chega despois de discutir e negociar sobre un asunto” (Real Academia Galega, 1997). Péchase un negocio con esta fórmula que vén de vello e que se mantén na actualidade entre os tratantes de gando, principalmente. O prezo acordado non se asina nun papel nin nun contrato, é a propia palabra a que formaliza a transacción económica xunto cun apretón de mans.  Ás veces nesta venda formalizada poden asistir diferentes testemuñas que seguiron todo o proceso de negociación. Outras veces, as máis, o trato péchase  definitivamente dun xeito lúdico e festeiro tomando uns viños ou o polbo á feira, se se terzar, o chamado albaroque ou alboroque.  Antes do pagamento, habitualmente en man, hai que “marcar a vaca no pelo” ou outro sinal distinto se se tratar dunha ovella ou un porco (Gran Enciclopedia Gallega, 1974: Tomo 11, 234).
Tradicionalmente e cando o labor no campo non era tan levadeiro como agora, grazas á maquinaria e aos avances tecnolóxicos, a muller tiña que se ocupar tanto dos traballos propios da casa (facer a comida, a limpeza e mantenza das crianzas) como aqueles que para os que non facía falta ter moita forza física e os considerados domésticos (andar coas vacas, muxilas, facer os queixos e atender a horta, entre un cento máis de ocupacións). Segundo a antropóloga Lourdes Méndez, o territorio reservado ao sexo feminino historicamente esténdese a todo aquilo que teña que ver co universo particular que sempre lle foi asumido. No caso que estamos a tratar, a muller adopta o rol recoñecido socialmente dentro da prolongación do doméstico no ámbito da feira. As mulleres teñen un lugar particular, fixo no campo da feira, denominado a feira das mulleres , onde comercializan todos os produtos que elas mesmas atenden: ovos, queixos, verduras, touciños, cacheiras, mel, manteca, unto e os “animais pequenos” (galiñas, coellos e parrulos). Na  feira das mulleres é rara a excepción de ver vender ou comprar algún home; constitúe, polo tanto, un espazo propio da muller (Lourdes Méndez 1987: 184, 189). A feira implica, por unha banda, achega de diñeiro á economía familiar e, por outra, o lugar no que, até hai uns anos, se podía socializar con outras paisanas e paisanos da parroquia ou da comarca (como a misa dos domingos, os funerais ou traballos agrícolas que se facían en comunidade). No aspecto do intercambio económico, as mulleres non desenvolvían un papel importante pois a comercialización dos produtos da casa (excedentes do autoconsumo) non supuñan moitos cartos, xa que eran os homes os que se dedicaban ás transaccións de maior rango na compra/venda do gando (vacas ou bestas, no tocante ao prezo dos porcos e ovellas si que podían aconsellar as mulleres (Carme Blanco, 1995: 176; Lourdes Méndez 1987: 186; Pegerto Saavedra, 1994:294), verdadeira inxección monetaria para unha familia labrega galega. No terreo das relacións públicas, as mulleres móvense por diferentes lugares ca os homes: unha vez obtidas as ganancias mercan as cousas precisas para a familia, rexoubean coas veciñas para logo daren boa conta na casa e non entran nos bares e tabernas se non é en compañía dun familiar home. Cumpren a excepción as raparigas en idade casadeira, ás que lles é permitido ficar até máis tarde na feira para o paseo, despois de xantar, momento no que se mocea e se lles fala aos mozos (José Manuel Santos 1994: 301). Pola contra, “para designar as mulleres que van á feira a exhibirse e pasearse resérvase o vocábulo feminino ‘feirantas” (Carme Blanco 1995: 176) fronte o significado de feirante “persoa-home e muller sen distinción-que compra ou vende na feira” (Real Academia Galega, 1997) . Móstrase, xa que logo, a pouca importancia e a pexorativa valoración que se lle dá  á sociabilidade que poida ter unha muller no ámbito dun día de feira: as rapazas solteiras non son mal vistas pero as outras van, nin máis nin menos, a “facerse ver”, con todas as connotacións negativas que isto supón. Aínda que estas maneiras de actuar e de pensar supostamente nos retrotraerían a tempos pasados é preciso resaltar que na actualidade poden observarse os mesmos movementos dos homes e mulleres á hora de tratar o gando, vender os produtos da horta ou amañar o mundo na taberna.
Saber cando xurdiron as feiras e cando acabaron ás veces vólvese unha labor complexa, debido á falta de fontes históricas que recollan con rigurosidade tódolos mercados existentes e, ás veces, a memoria dos informantes pode que non cadre coa realidade. Das preto de 15 feiras que existiron en Terras de Lugo, disque as máis importantes, por variedade de productos, gando e concorrencia de xentes, foron as de Guimarei (Friol), Lousada e Lousadela (Guntín), Castroverde, Adai (O Corgo) e Nadela (Lugo). Actualmente, seguen celebrándose oito, malia que en 3 delas só se conserva a tradición de ir tomar o polbo. Son curiosas as historias de antano, que xa forman parte do imaxinario colectivo duns homes e mulleres que aínda son a salvagarda dunha cultura tradicional que esmorece. En Adai, había a chamada Feira do Ano, que hoxe coincide coa Feira do Cabalo, no mes de Xuño, en homenaxe á importancia que tiña o gando cabalar, e á que incluso viñan antigamente xentes de Castela a merca-lo xenero polas vías que comunicaban coa meseta. De Adai, camiño a Lugo, parada obrigada na Feiriña de Nadela, lugar ata ó que se podía ir en batuxo ate o Campo das Zocas, como se coñece ó lugar da feira e que nos fai pensar que noutrora era terra de zoqueiros. Camiño da Terra Chá, podiamos ir a Friol, á Feira das Cereixas, tamén en Xuño, a degusta-lo froito encarnado.

Galería

Mapas

Download

 

Trazado Begonte

Trazado Castroverde

Trazado Friol

Trazado Guntín

Trazado Lugo

Trazado O Corgo

Trazado Outeiro de Rei

Trazado Rábade

Almanaque de eventos

faitesocio

leader

ruta_das_feiras

Contáctenos

O teu nome (obrigatorio)

O teu email (obrigatorio)

Asunto

A túa mensaxe